Barferencias e Obradoiros para nenos: a Ciencia e a Historia nas túas mans

21 de Xuño de 2012 5:46 p.m.

Unha intervención científica debe ser sempre unha celebración. No proxecto arqueolóxico Torre dos Mouros viviremos un xullo arqueolóxico en Carnota. Actividades para grandes e pequenos ao redor da Historia e os xacementos arqueolóxicos do seu carón.

Obradoiros infantís

Dentro das actividades do campamento de verán de Carnota, os nenos poderán participar en obradoiros arqueolóxicos dirixidos por técnicas do Incipit (CSIC), que amosarán aos cativos os motivos da arte rupestre galega e como aprender as formas da cerámica prehistórica galega. Os obradoiros serán os venres 13 e 20 de xullo no Campamento de Verán. Fica pendente desta web para máis información.

Barferencias

Todos os sábados ás 20.30 h., Carnota convértese nun dos epicentros da arqueoloxía galega. Ben nas dependencias municipais, ben nalgún dos bares do concello, un destacado especialista explica as claves da Historia de Galicia que máis afectan a Carnota e á Costa da Morte.

O comercio entre os pobos da Gallaecia e o Mediterráneo que poden estar reflectidos no petróglifo da Laxe Escrita, as últimas novidades sobre a Idade do Ferro, os petróglifos de Galicia e a especifidade estilística do arco carnotán, os ataques piratas sobre a costa de Carnota e os sistemas de defensa, as antigas lendas e tradicións da Costa, os contactos culturais de Galicia co arco atlántico…

A primeiras da semana que vén coñecerás a programación enteira.