Non só murallas: aparecen edificios xa durante os traballos

9 de Xullo de 2012 9:30 p.m.


Lenzo Este da muralla da Torre dos Mouros, antes da intervención. Fotos: Sole

Crónica do 7 e 8 de xullo de 2012. Publicado orixinalmente en Capítulo Cero

Quen suba ao impresionante emprazamento da Torre dos Mouros, sobre o mar de Lira e Carnota, non dubidará en observar a calidade épica da paisaxe que nos rodea. Esta intensísima fin de semana de traballo no alto da Torre dos Mouros, a 315 metros de altura, o vento, a chuvia, a brétema, o silencio, o sol mergullábanos nunha estraña sensación que nos levaba fóra do tempo. Erguías os ollos, e as nubes atravesaban por baixo túa, como se estiveras suspendido nun espazo escapado do tempo.


Moncho e Xandra dándolle duro. Fotos: Sole

Sen embargo, épico foi o traballo dos voluntarios de Carnota. Organizados polo concello de Carnota, que achega o material e mesmo a parte da corporación municipal aos traballos duros, aparece un equipo de tipos e tipas duros, varudos, tipos entusiastas e emocionais, poetas e guerreiros de brazos anchos, que converteron unha xungla perdida nos montes nun espazo para a ciencia e o coñecemento, pero tamén para a identidade e para a dignidade.

Cabo do cemiterio de Lira está, hoxe agachada no lateral dun monumento, unha fotografía histórica por moitos motivos. Ata este estremo lugar de Galicia chegou Castelao no ano 1936 para dar un mitin a favor do Partido Galeguista. Na fotografía, Castelao retrátase cos mozos do lugar. Ao fondo, obsérvase un outeiro no alto: decatámonos abraiados, cun arrepío: ese monte é a Torre dos Mouros. Castelao deu o mitin de Lira cunha espiga na man, para falar da reforma agraria, e contoulles aos labregos da parroquia unha metáfora do que era preciso para Galicia. Cóntao Antón Reixa, a partir da tradición oral que se preservou en Lira:

Ao longo do seu discurso, foi insertando o conto da machada: un fillo que un día e outro lle promete a un pai que vai cortar leña para conxurar o frío e volve sucesivamente co mango da machada escachado.

Logo continuaba o discurso e cando Castelao detectaba certo aborrecimento na súa audiencia, volvía outra vez con que outro día o fillo lle dixera o mesmo ao pai (…) e o discurso avanzaba ata que Castelao chegaba a conclusión desexada e o pai dicía algo así como: «Fillo, o que tes que facer non é volver facer o mango, senón cambiar de madeira». A partir de aí, do cambio de madeira, Castelao construía metaforicamente o cambio estrutural que lle cumpría a Galicia.

Carnota emociónanos: a vinculación das xentes de Lira co seu territorio, coa súa lingua, é tan estreita cando un senta aquí que non pode menos que empatar e sentirse parte -de algún xeito- desta comunidade. Coas desbrozadoras, cos fouciños ancestrais, teimudamente, estes homes e mulleres devolveron a milenaria Torre dos Mouros á súa comunidade, para abraio dos visitantes desta fin de semana, que ficaban atónitos ante as dimensións e espectacularidade do xacemento arqueolóxico que ata agora pasara por alto alén de Lira. Un grupo de soñadores que abriran o tesouro do cabaliño de ouro entre os toxos do monte.

Cabo do Hórreo de Lira, no Festival do XX Aniversario da Asociación Cultural Canle, o cantante dun grupo berrou desde o palco:

-Viva a Torre dos Mouros!

E estouparon os aplausos. Quen escoitou algo así dun xacemento arqueolóxico?

Pelexamos, loitamos, abrimos o territorio. O noso primeiro contacto foi co lenzo este da muralla principal, onde viramos un intrigante cambio de vexetación asociado a estruturas agrarias desmanteladas. Canto máis tempo pasa, máis nos decatamos de como o recinto inferior da Torre dos Mouros, un vizoso prado actual, representou un espazo importante na antiga sociedade agraria de Lira: Estivada dos Mouros, Curro do Medio…a microtoponimia delataba os usos e algunhas estruturas próximas á muralla -restos de casoupas- parecían delatar algo eses usos. Sen embargo, había moito máis.

» alt=»" />
A Torre dos Mouros, 8 de xullo de 2012. O edificio é a construción en curva que vedes no medio

O que había alí deixounos abraiados. Os grandes sillares da muralla foran reutilizados para esas casoupas agrarias, pero as xentes alí pareceran desmantelar algo que abaixo se conservaba con forza e moita máis potencia e profundidade do agardado no alto dun outeiro serrán: tratábase dun gran edificio en pedra, moi próximo ou anexo á muralla -aínda non o sabemos-. O reprantexamento das sondaxes realizado por Malde ante a aparición do edificio permitiu focalizar o esforzo neste intrigante espazo. Efectivamente, ao longo das horas foi agromando a zona superior dun edificio importante que, como vedes nas fotos, parece estar anexo á antiga muralla pero que ocupa unhas enormes dimensións dentro do conxunto do pano de muralla. Canda el, e ao sur, corren dous muros que se están examinando con paciencia milimétrica: os paramentos dos muros son distintos aos do edificio, e podería haber tamén restos doutra edificación inferior da que existirían algúns restos por debaixo.


Edificio e, en primeiro plano, valado anexo

Sen embargo, o enigma persiste: a intervención ata agora está amosando potentes estruturas, pero ningún resto de cultura material: falo de anacos de cerámica, muíños de pedra, etc. Non aparece, polo de agora, nada, que nos permita afinar a cronoloxía do edificio. A Torre dos Mouros está revelando unha arquitectura que xa non é monumental só nas murallas, senón tamén no interior, pero o tempo segue a resistirse. A cara de estrañeza dos arqueólogos que pasaron esta fin de semana pola intervención era grande: a ausencia de material nun contexto fortificado tan espectacular non é doada de interpretar. Con todo, pode que se atope aínda cotas inferiores, e non podemos deixarnos levar polo presentismo. Como nunha serie de detectives, a pista vai aparecer en calquera momento.

Esta fin de semana valeu para multiplicar a relevancia arqueolóxica da Torre dos Mouros. Xa non só unhas murallas perdidas no monte, senón que parece evidenciarse algo máis, algo moi potente, que xa non figuraba na memoria dos parroquianos, e que está soterrado baixo terra. Seremos quen na vindeira semana de poder saber máis sobre o edificio e a súa cronoloxía? Permanezan atentos ás pistas que imos dar esta semana en torredosmouros.net, no noso perfil de Twitter e Facebook.

Agora sabemos que é o que pide a Torre dos Mouros. Máis madeira, e da boa, como a quería Castelao. Queres ser parte da madeira? Lembra que se queres apuntarte como voluntario, debes inscribirte no web do Concello de Carnota. Anímate a participar!