Feita para ser vista

26 de Xullo de 2012 6:12 p.m.


Vista do lenzo Oeste e a muralla intermedia. Gráfico: Manuel Gago / Andrea Lozano

Os traballos no sector Oeste, na zona de acceso, están a permitir comprender un dos obxectivos da fortificación. Non é só a defensa activa, senón o ser vistos polos demáis. Cos traballos de limpeza levados a cabo polos voluntarios, xa é posible desde o litoral apreciar o groso compoñente da muralla, que se completa agora cunha calzada de acceso cun sistema construtivo tradicional, para vencer o fortísimo desnivel final da Torre dos Mouros.

O infográfico permite amosar, de xeito hipotético, unha visión da fortificación. O acceso faise polo oeste, por onde tamén o facemos hoxendía. Hai unha calzada de pedra que une as dúas murallas, e un muro pequeno que parece tamén conectar as dúas murallas, e cuxa función aínda non podemos interpretar convintemente. A muralla superior prolóngase, pasados os penedos, para formar un sistema defensivo coa muralla intermedia, que protexe o acceso á zona máis alta da fortificación.

Coma sempre, as trabes de madeira son totalmente hipotéticas. Baséanse nos traballos arqueolóxicos que estiman que boa parte das edificacións defensivas da Idade do Ferro ata o periodo altomedieval son unha combinación de pedra, terra e madeira. A ubicación da porta da muralla intermedia é especulativa: nesta campaña non poderemos saber como era o acceso a esa zona.