Manel Cráneo recreará en banda deseñada a Torre dos Mouros

1 de Agosto de 2012 3:38 p.m.

O coñecido debuxante Manel Cráneo estivo connosco na xornada do sábado 28. O obxectivo, coñecer a Torre dos Mouros, entender o seu espazo e intercambiar impresións co equipo técnico para crear un cómic sobre a Torre dos Mouros que permita transmitir e popularizar as primeiras interpretacións científicas do equipo técnico do proxecto. Esta é a primeira dunha serie de sesións de traballo e documentación.

O cómic, que conta co patrocinio da Consellería de Cultura e Educación da Xunta de Galicia, agasallarase aos nenos de Carnota e poderase adquirir nas librarías de Galicia. Estará dispoñible a finais de setembro. Con el queremos tamén significar o vínculo dos proxectos arqueolóxicos, desde o primeiro momento, co resto da industria cultural: cremos que ese é un importante camiño de futuro para o patrimonio cultural e a investigación arqueolóxica en Galicia.

Con Manel Cráneo falamos, na Torre dos Mouros, das dificultades das recreacións históricas, de como distinguir entre as evidencias e a ficción, e de moitas cousas máis, nesta entrevista. Non a perdas!