O infográfico evoluciona cos novos datos da última semana

1 de Agosto de 2012 3:22 p.m.


Gráfico de Andrea L. Lozano / Manuel Gago

Esta é a nova versión do noso infográfico. Se cadra penses que non cambiou nada, pero houbo transformacións importantes que se plasman graficamente nesta recreación. Se te fixas, axustamos a forma na que se dispón a muralla principal do recinto na fachada oeste. A última fin de semana foi clave para poder determinar que a muralla principal no lenzo oeste, na súa fachada monumental, non ten as trazas rectilíneas inicialmente supostas, senón que desenvolve dúas formas curvas que crean volumes que acentúan a relevancia visual da porta de acceso. Podes velas nesta foto:

Debido a que os traballos non tocaron a zona interior da muralla, non sabemos se existe unha correspondencia tamén curva pola cara interior, ou se simplemente se trata dun engrosamento da muralla pola cara exterior.

Aínda que este infográfico non procura unha representación exhaustiva da realidade, senón que é unha traza hipotética e informal para axudar a visualizar o xacemento, a precisión dos datos de volumes e formas é tamén clave. Neste caso, o descubrimento desta traza da muralla pode estar axudando a achegarnos ao pensamento e vontade dos construtores da fortificación: unha maior protección e visibilidade da porta de entrada.