Conclusións de «urxencia» da campaña 2012

3 de Agosto de 2012 9:49 a.m.


Calzada exhumada no acceso á Torre dos Mouros. Foto: Andrea Lozano

A campaña de campo 2012 do Proxecto Torre dos Mouros xenerou unha boa cantidade de coñecemento en diferentes ámbitos. Durante agosto e setembro traballaramos na interpretación dos resultados obtidos tanto a nivel arqueolóxico como de comunicación para poder facer unha presentación pública de resultados ao pobo de Carnota en setembro. A finais de setembro tamén se presentará a banda deseñadas sobre a Torre realizada por Manel Cráneo.

Entrementres, consideramos interesante ofrecer algunhas conclusións de «urxencia» sobre as diferentes facetas do proxecto que funcionen como síntese para os interesados e para os medios de comunicación.

A. CONCLUSIÓNS ARQUEOLÓXICAS

A campaña 2012 da Torre dos Mouros tiña obxectivos arqueolóxicos moi sinxelos: verificar a funcionalidade e uso deste espazo, e determinar a cronoloxía da construción do recinto amurallado. En setembro publicarase un informe máis detallado, pero queremos avanzar algunhas conclusións de urxencia para este verán.

1. A intervención arqueolóxica na Torre dos Mouros certificou a existencia dun sitio arqueolóxico de gran tamaño e carácter defensivo e confirmou a existencia de estruturas antigas no interior do recinto. As dimensións do recinto convérteno nun dos sitios arqueolóxicos de maior estensión do litoral sur da Costa da Morte.

2. A intervención puxo de manifesto o carácter monumental dos elementos construtivos investigados, resulta moi evidente a zona de acceso. Confirmouse o antigo aceso ao recinto através mesma vía usada na actualidade, a partir da limpeza dun impresionante camiño de aceso empedrado de, ao menos, 20 metros de lonxitude. A intención monumental dos construtores da fortificación revélase tamén pola existencia dunha dobre liña de murallas de distinto tamaño e entidade, na que o muro superior ostenta as maiores dimensións, e no que a traza curva dos muros parece enfatizar e protexer a zona de acceso. Unha vez limpa a área, as murallas son apreciables desde o litoral de Lira. A monumentalidade tamén se traslada ao interior, coa presenza dunha imponente muralla intermedia que fortifica un segundo recinto coñecido como “o reduto”. Da mesma maneira, na zona traseira, a muralla que alcanza unha anchura de 5 m., e sorprende continuidade da súa cimentación outros 3-4 m baixo a terra.

3. A intervención arqueolóxica revelou tamén a existencia de estruturas edificatorias no interior do recinto. Na banda oriental, anexas á muralla, localizáronse ao menos dúas estruturas anexas: un edificio oblongo cun potente muro de carga de 60 centímetros de ancho, cunha outra estrutura encostada de carácter rectangular. Non é posible, polo momento, determinar a funcionalidade destas estruturas, pero parecen estar asociadas á muralla. Na exploración da superficie do recinto principal da Torre dos Mouros cun gradiómetro, amosouse tamén o aparente baleiro de estruturas de boa parte do recinto, pero confirmou tamén a existencia dun conxunto de anomalías de carácter pétreo nunha área regularizada por medio de grandes cortes na peneda. As estruturas, as exhumadas, e as que poderían existir -previa comprobación arqueolóxica- atópanse na área máis protexida dos ventos dun monte especialmente castigado polas inclemencias metereolóxicas. Hai tamén evidencias doutro tipo de sistemas construtivos, a partir da aparición de encaixes e cortes nas rochas asociados a unha arquitectura mais efémera e leve; porén, paradoxalmente, o gran número de indicios por todo o recinto indica unha forte transformación do carácter natural deste lugar.

4. Especialmente chamativa é a ausencia de cultura material (cerámicas, outro tipo de obxectos) nas áreas exploradas do recinto. Só se documentaron restos fragmentados de ferro e un posible molde, que se atopa descontextualizado, no medio do entullo que clausuraba unha das estruturas, así como tamén pequenos anacos de ferro. Tampouco aparecen evidencias de solos no interior das estruturas. Esta ausencia de materiais fannos descartar o uso doméstico e continuo deste espazo arqueolóxico como un hábitat de carácter permanente.

5. A aparente singularidade deste espazo arqueolóxico levou ao equipo a manter, a priori, unha posición bastante aberta en relación ao horizonte cronolóxico da edificación do perímetro amurallado. Ao remate desta campaña, á luz das evidencias construtivas (muros de soga e tizón, xeitos de facetar a pedra, etc.), descártase que a fortificación fose edificada como tal na Idade do Bronce ou na Idade do Ferro, ou nun contexto moi romanizado. A primeira interpretación pasa por situar a cronoloxía da fortificación no período tardoantigo ou altomedieval. As evidencias estratigráficas mostran varios períodos de actividade construtiva, porén descoñecemos o valor dos lapsus temporais entre elas, e por tanto deste xacimento polo de agora non é posible, cos dados actuais, concretar máis a súa
cronoloxía.

B. CONCLUSIÓNS SOCIAIS

1. A arqueoloxía social e pública en Galicia é perfectamente posible, e revélase como un poderoso instrumento na man de axentes, entidades e colectivos para fomentar o coñecemento e a protección do patrimonio local. A arqueoloxía social permite crear vínculos entre cidadáns e espazos; aquelas persoas implicadas convértense en embaixadores e custodios do patrimonio. Consideramos que actividades e proxecto arqueolóxico reuniron máis de 600 participantes e asistentes, o cal é unha cifra absolutamente notable.

2. Unha das claves do éxito do proxecto Torre dos Mouros é o de sacar a acción fóra do espazo de traballo no alto do monte. Neste sentido, tanto as Barferencias como os obradoiros con nenos permiten facer visible o proxecto no corazón da comunidade local: darlle novos sentidos e utilidades e desenvolver vínculos reais coa comunidade. Puidemos comprobar como numerosos asistentes ás Barferencias acudían posteriormente ás visitas guiadas na Torre dos Mouros. Actividades e intervención arqueolóxica, xa que logo, interaccionan de xeito moi estreito.

3. Outra das claves é a de non tratar á comunidade local unicamente como receptora da acción, senón como membros e protagonistas da engranaxe interna do proxecto. Moitos dos procesos da intervención deben xerarse a partir do coñecemento e a disposición da comunidade local, que controla as claves internas do traballo.

4. Os aspectos económicos locais son claves, especialmente para a valorización dos traballos levados a cabo nun proxecto patrimonial. Un proxecto a pequena escala temporal, como pode ser a Torre dos Mouros, permitiu albiscar as dinámicas económicas derivadas dos diferentes mecanismos do proxecto. O emprego por parte dos voluntarios da hostelería local, e a política de descontos e agasallos levada a cabo por algúns establecementos hosteleiros de Lira para os voluntarios do proxecto dá a clave dun interesante niño de desenvolvemento para a economía local, e que ofrece interesantes posibilidades, por exemplo, no ámbito da desestacionalización turística. Tamén observamos un interesante comportamento derivado da existencia dunha programación cultural. Visitantes que viñan pasar a fin de semana a Carnota para disfrutar da combinación de conferencias, visitas guiadas ao xacemento e os outros recursos turísticos do concello. Cremos interesante desenvolver máis as facetas económicas do proxecto.

5. Un proxecto arqueolóxico é sempre un exercicio de memoria. Lóitase contra o escepticismo de parte da comunidade, apóiase no entusiasmo de outra: a entrada do xacemento arqueolóxico en espazos de prestixio, como os medios de comunicación (prensa, radio, TV), supón sempre unha irrupción agresiva nun espazo non valorado, que debe ser xestionada con cautela. En primeiro lugar, porque hai un efecto de «reflotar» antigas historias esquencidas cara o presente, durante un tempo. Memorias que falan do uso e da mitoloxía do espazo arqueolóxico, que deben ser tidas moi en presente e contar con equipos específicos de traballo para a súa recollida.

B. CONCLUSIÓNS DE COMUNICACIÓN

1. O Proxecto Torre dos Mouros foi, probablemente, unha das primeiras intervencións arqueolóxicas en Europa en contar cun equipo de xornalistas «empotrados» no equipo. Isto permitiu destinar recursos humanos específicos á construción de canles directas de comunicación coa audiencia, que se revelaron decisivas para a difusión do proxecto.

2. O resultado foron unhas notables cifras de audiencia: na última semana da intervención, só en Facebook, chegouse a máis de 12.000 persoas, ás que engadimos a audiencia diaria do web (entre 350-400 visitas diarias) e a presenza, máis minoritaria, do Twitter. A isto hai que sumar a audiencia acadada para o proxecto a partir da publicación en medios de comunicación como La Voz de Galicia, El Correo Gallego, El País, a Radio Galega, a Cadena Ser, a Televisión de Galicia ou V Televisión.

3. O proxecto revela dous procesos: a) o consumidor de información sobre a Torre dos Mouros é un usuario activo da información, que interactúa e que nun momento determinado toma a decisión de combinar o consumo de información co desprazamento ata o lugar da acción, ou mesmo da participación no proxecto. b) os proxectos arqueolóxicos poden desenvolver canles moi efectivos para a difusión das súas mensaxes, substancialmente a través das redes sociais, pero apoiados robustamente no web. Con independencia da visibilización noutros medios de comunicación, a construción da canle propia a través de medios dixitais a día de hoxe pode chegar a garantir o éxito de público do proxecto.

4. Sen embargo, os procesos de penetración son relativamente lentos. A comunicación forte do proxecto non pode comezar co inicio do traballo de campo, senón que realmente a comunicación debe estar funcionando ao 100% alomenos desde mes e medio antes. Iso permite comezar o traballo de campo con parte da audiencia xa construída e facilita a viralización de resultados. Sen embargo, consideramos que o valor do «directo», en relación á transmisión en tempo real do proceso de traballo arqueolóxico, é con diferencia un dos principais valores comunicativos. Foi nas fins de semana, cunha comunicación máis fragmentaria e máis narrativa, cando acabadamos as principais cifras de audiencia. Sen embargo, as historias máis elaboradas que publicabamos nos días laborables eran as máis compartidas.

5. Unha intervención arqueolóxica, ao noso ver, pode ser tratada, en termos de comunicación, coma o resto de obxectos da industria cultural: empregando ferramentas e formatos de comunicación corporativa que, en fases distintas, permiten dar a coñecer as fases do obxecto. Esta vía, moi innovadora, pode abrir un novo futuro para o patrimonio cultural en Galicia.

CONCLUSIÓNS TURÍSTICAS

Xosé Gago, de Cool-Touring, fainos chegar unhas conclusións da súa experiencia como guía do proxecto.

Despois do traballo de campo de Torre dos Mouros e realizar as visitas in situ, polas que pasaros ao redor de 300 persoas en 10 días, podemos tirar as seguintes conclusións

1. Trátase dun elemento patrimonial que seduce a un grande espectro de idade, dende nenos ata xente da terceira idade.

2. A procedencia do público visitante repártese a partes iguais entre visitantes locais e turistas de proximidade que se achegan a Carnota e ven en Torre dos Mouros unha alternativa no seu tempo de Lecer.

3. Os visitantes chegan á Torre dos Mouros cun coñecemento previo do que podían atopar grazas á potente campaña de comunicación, este feito facilitaba enormemente a visita tanto a nivel de contidos como de motivación.

4. O visitante marchaba de Torre dos Mouros comprendendo o xacemento, pero tamén entendendo todo o proceso arqueolóxico, dende a identificación dun xacemento como tal ata o proceso de excavación.

5. Como conclusión final, podemos afirmar que Torre dos Mouros espertou un grande interese social e ten potencial para constituirse como un atractivo turístico importante na zona podendo incluso arrastrar á xente que se achega a Carnota con outras motivacións como facer un turismo de “sol e Praia”.