Un lugar seguro fronte as terras e os mares

3 de Agosto de 2012 11:59 a.m.


Foto: Soledad Felloza

Parte do atractivo da arqueoloxía está na relación que se establece, case directa, cos homes do pasado. Esta impresionante panorámica da Torre dos Mouros plasma exactamente esta relación: o punto no que nós, no século XXI, atopámonos, de algún xeito, cos homes que nalgún momento da Antigüidade Tardía ou principios da Idade Media, construíron este lugar.

Nesta foto pódense apreciar dous valores que conflúen, sempre, nas fortificacións: o seu carácter útil, de defensa, pero tamén o seu carácter escenográfico. Están «representando» algo, están «comunicando» algo e mesmo están exercendo un efecto disuasorio. Podían ser murallas para defenderse, pero ollo, tamén podían ser murallas para evitar combater, para resolver un conflito armado antes de que se producira. Ao limpar a cuberta vexetal do acceso á Torre dos Mouros, estamos a revelar parte do sentido orixinal deste lugar e nos aproximamos ao sentido dos seus construtores, hai moitos séculos.

A foto é tamén un interesante desafío técnico. É un panorama, composto coidadosamente a partir de seis fotografías. Debido ás árbores da zona inferior da rampa, non é posible apreciar directamente toda esta composición. Foi a fotógrafa, Sole Felloza, quen pacientemente buscou os ángulos que permitiran a representación de todo o frontal da muralla no seu conxunto.

Non deixa de ser unha paradoxa. Se os construtores da Torre dos Mouros ergueron esta potente estrutura de pedra para disuadir aos Outros de que se achegaran ata alí, se cadra hoxe ocorra exactamente o contrario. É o visitante do século XXI quen resulta atraído por esta gran escenografía de defensa militar.