O robot aéreo revela a existencia dunha posible terceira liña defensiva

19 de Outubro de 2012 7:52 p.m.


Lenzo oeste das murallas da Torre dos Mouros.

Hai máis de dous meses estivemos probando na Torre dos Mouros a segunda versión do noso drone aéreo, desenvolvido e operado por Xurxo Gago, a quen lle agradecemos a súa desinteresada colaboración. O drone permite fotografiar e filmar en altura unha superficie, e xa o probamos con moito éxito en Pena Furada e no documental A Illa dos Mortos. Cunhas condicións metereolóxicas únicas -non había nin chisco de vento, e iso é un miragre na Torre dos Mouros- puidemos fotografiar e filmar algunhas das zonas máis representativas da Torre, se ben a limitada autonomía da que dispoñemos por agora -20 minutos- non nos permitiu realizar todo o filmado do gran perímetro defensivo.

As fotos permítennos ver, se mirades nesta primeira, a monumentalidade da entrada principal da Torre. Apréciase a gran muralla superior, e o interesante abombamento que acada ao redor da porta, o camiño de acceso rectilíneo cos muros laterais, e a factura precisa pero máis bruta da primeira liña defensiva. Á vista da foto aérea, confírmase a singularidade desta fortificación no contexto galego -cando menos, que nós saibamos.

Pero hai outras grandes noticias!

O drone confirmou a presenza dunha terceira liña de muralla ou de delimitación, alomenos no sector NO do xacemento. Estamos falando dun valado perimetral totalmente camuflado pola espesa capa vexetal da área que fixo imposible o seu recoñecemento físico durante a intervención. De feito, como veredes na foto, decatámonos da existencia desta terceira liña de murallas cando repasamos posteriormente os vídeos obtidos. En principio, o noso obxectivo no sector NO era filmar un posible corredor que conecta a primeira coa segunda muralla, pero sorpresivamente apareceunos esa terceira liña defensiva que o director da intervención, Antón Malde, xa intuíra nas fotografías aéreas e nos primeiros planos, pero que non se podía confirmar ata o momento. Aquí podedes vela (non desde unha vista cenital, pero é que o noso obxectivo era outro).

Hai que verificar, con todo, se ese muro pertence ao sistema defensivo da Torre dos Mouros e non é posterior, pero é moi suxestivo ver que é coherente con outras observacións que se teñen feito sobre a existencia dunha terraza ou plataforma a media ladeira. Os que vos achegastes ata os penedos que chamamos o «mirador», pode que nos virades falar dese posible aterrazamento artificial aínda camuflado entre os toxos. Tamén hai que suliñar que, aparentemente, esa terceira liña defensiva ten un menor volume de pedra que as outras, pero non sabemos se é así, nin as causas. O comportamento tamén parece similar á entrada da Torre. Se vos fixades na primeira foto, tamén veredes unha gran diferencia de envergadura entre a primeira e a segunda muralla.

O achado parece dar conta da monumentalidade asociada tamén ao recinto alto da Torre dos Mouros, especialmente na área que mira cara ao oeste, cara as terras e o mar.