A tradición

«No Monte do Castro
no Curro do Medio
hai un cabaliño de ouro
enterrado coa súa manta
e o seu freo»

(Ángel Piñeiro Gómez, 2012)

A Torre dos Mouros recibe diferentes denominacións, que a vinculan toda coa existencia dun sitio arqueolóxico. Torre dos Mouros é a máis antiga documentada (principios do século XX), pero tamén se denomina como Monte do Castro, Estivada dos Mouros ou Alvariza dos Mouros.

Moitas das cantigas vinculadas a este lugar teñen por protagonista a existencia dun tesouro moi habitual nas lendas da franxa atlántica de Barbanza e as comarcas do sur da Costa da Morte. O cabalo de ouro, aquí detallado cos seus aperos, é un motivo habitual na costa.

Parte do noso proxecto de investigación vai ter que ver coa recollida de tradición oral e microtoponimia asociada a este espazo, do que sabemos que existen moitas referencias.

Polo de agora, o cabalo de ouro convertiuse, grazas ao traballo de Mario Maceiras, no fermoso logotipo do proxecto. Nós cremos que a propia Torre dos Mouros é un tesouro para Lira e Carnota. Con independencia da súa cronoloxía, a singularidade da fortificación convértea nun valioso activo para a comunidade local, nun cabaliño de ouro coa súa manta e o seu brido.