Como podemos contalo?

Nos últimos anos, a divulgación cultural e científica converteuse nunha área de importancia clave para acadar a rendibilidade social dos proxectos de investigación. Entidades como a Fundación Española para a Ciencia e Tecnoloxía, administracións públicas, empresas e industrias da cultura e da edición demandan aos proxectos científicos un maior esforzo de penetración á sociedade. Sen embargo, cremos que a comunicación e a divulgación científica no noso ámbito aínda ten moito por desenvolver.

O proxecto Torre dos Mouros realizará, canda a investigación arqueolóxica, actividades de laboratorio de comunicación. Buscará contar unha intervención arqueolóxica de xeito innovador, transmedia e adaptado aos públicos potenciais. Será a primeira vez, que nós saibamos, que un equipo de comunicación acompaña todo o tempo a un equipo científico durante o desenvolvemento do seu traballo e en cooperación e simultaneidade con el.

O obxectivo é facer chegar á cidadanía, de xeito transparente e entretido, o proceso científico que se vai seguir na Torre dos Mouros para tentar determinar a cronoloxía e funcionalidades do espazo, pero tamén para crear sinerxias culturais e turísticas que permitan rendibilizar socialmente a Torre dos Mouros desde o primeiro momento da intervención.

Deste xeito, abordaranse diferentes formatos narrativos para redes sociais, web e multimedia con produtos adaptados a cada un destes soportes.

Para iso, participará un equipo técnico do Grupo de Novos Medios da Universidade de Santiago de Compostela, formado por profesores e estudantes da Facultade de CC. da Comunicación que realizarán a cobertura en directo e diferido do proxecto arqueolóxico Torre dos Mouros.