Como podemos implicar á sociedade?


Fotos: INCIPIT

Desde o Proxecto Arqueolóxico Torre dos Mouros cremos que é fundamental que a sociedade participe, canda os equipos científicos, nos procesos de construción e difusión do coñecemento. Así que desenvolvemos unha programación que integra de xeito simultáneo a pedagoxía, a divulgación e a construción do coñecemento.

Obradoiros pedagóxicos
O Instituto de Ciencias do Patrimonio (CSIC), en colaboración co Concello de Carnota, impartirá dous obradoiros destinados aos nenos de Carnota no que tomarán contacto con realidades arqueóloxicas próximas: un obradoiro de arenoglifos no que aprenderán os motivos da arte rupestre galega, e un obradoiro de cerámica prehistórica, no que coñecerán as formas e os procesos de elaboración destes obxectos.

Barferencias
Destacados especialistas da arqueoloxía e da historia galegas achéganse ata Carnota para impartir conferencias moi singulares: nos bares do concello, os sábados ás 20.30 h. Conferencias informais, divertidas, sobre épocas determinantes da historia de Galicia que os cidadáns de Carnota poden tamén recoñecer na arqueoloxía e historia do seu concello.

Aberto por obras
Os cidadáns son benvidos na Torre dos Mouros. Todos os domingos ás 12:00 haberá unha visita guiada que introduce aos visitantes na complexidade da Torre dos Mouros e incorpora os novos achados e interpretacións que vai facendo o equipo. Pero tamén os cidadáns poden acudir en calquera momento da fin de semana e tomar contacto cos diferentes especialistas, que lles explicarán as súas áreas de traballo e a fase da investigación. Aquí podes ver como chegar.

Colaborar coa intervención científica
O Proxecto Torre dos Mouros dispón dun programa de voluntariado que incorpora ás persoas interesadas aos procesos de investigación científica. Os participantes poderán participar, na compaña de expertos, na recollida de tradición oral e etnografía, nas tarefas de limpeza e de apoio aos traballos arqueolóxicos. O número de prazas está limitado a 10 persoas. Podes consultar máis información aquí.