Contexto Arqueolóxico: o arco de Carnota


Recintos fortificados no arco de Carnota. En branco, medievais. En amarelo, da Idade do Ferro.

O Arco de Carnota é un espazo arqueolóxico privilexiado. A peculiar condición orográfica determinou as zonas de cultivos e un amplo litoral costeiro no que conflúen numerosos sitios arqueolóxicos, cinco deles fortificados.

Os petróglifos da Cota 200

O concello de Carnota reúne máis de sesenta estacións de arte rupestre da Idade do Bronce dispostas a media ladeira, nos diferentes montes que conforman o arco de Carnota. Case todos eles atópanse entre os 200 e 300 metros de altitude. A diversidade de motivos representados (fauna, armas, labirintos, combinacións circolares, antropomorfos, cruciformes) abrangue boa parte do elenco dos petróglifos da fachada atlántica galega, incluíndo algúns motivos de singularidade local, como as coviñas cadradas. Nalgúns, como a Laxe Escrita, están representadas o que se interpreta como embarcacións.

Pola súa especial ubicación, a Torre dos Mouros é un excelente punto de partida para unha visita turística aos petróglifos da cota 200.

Recintos fortificados

Idade do Ferro

Hai dous castros catalogados en Carnota. Están os dous situados ao sur do arco e moi próximos (a menos de dous kilómetros) á Torre dos Mouros.

Mallou. Nun fondo de val aberto ao mar, Mallou é unha acrópole fortificada dunha hectárea de extensión que foi obxecto de escavacións arqueolóxicas que revelaron a porta de acceso e unha cronoloxía que finaliza no cambio de era. Segundo os seus escavadores, o castro foi refortificado con rapidez na súa última fase de ocupación.

Miñarzos. Disposto sobre a actual poboación de Lira, as súas defensas están ocupadas polas casas e atópase moi alterado. Non é doado calcular a súa estensión, pero a croa actual ocupa menos dunha hectárea.

Idade Media

Carnota conserva catro fortificacións da Idade Media, o cal revela a importancia estratéxica deste territorio. Temos unha información desigual para cada unha delas.

Penafiel.
Ubicada sobre o monte e a fervenza do Ézaro, responde ao modelo de castelo roqueiro, cunha serie de construcións e aterrazamentos nun penedo de difícil acceso. As noticias documentais que temos sobre el redúcense ao século XV, cando foi derrubado polos Irmandiños, pero a importante e famosa inscrición de excomuñón na base da fortificación podería remontar a súa existencia cando menos ao século XII.

Pindo Central
Trátase dunha enorme e singular fortificación que encerra dez hectáreas de terreo na zona máis alta do Monte Pindo, e comprende no seu interior as ruínas da capela. Emprega unha ou dúas murallas para a execución da defensa, fortificando especialmente as fallas que facilitan o acceso do monte. O carácter defensivo da fortificación vén dada pola existencia de murallas de gran calidade que nas zonas de acceso máis doado se duplican. A súa cronoloxía é, por agora, indeterminada. Pola súa morfoloxía e técnica empregada, é en apariencia máis parecida á Torre dos Mouros.

San Xurxo
San Xurxo foi construído polos prelados compostelanos no século X, e a súa propiedade foi oscilando entre a Mitra de Santiago, a monarquía e distintos señores feudais. San Xurxo está ubicado nunha penichaira do monte Pindo, sobre o camiño tradicional que conectaba o arco de Carnota coas aldeas do Ézaro e o Pindo. O castelo aproveita as penedías para reforzar e amortizar parte dos traballos de defensa, e consta dun terraplén que rodea de xeito regular as caras sur e oeste e un muro de mampostería que pecha unha corte ampla.

Canetum (Bico do Santo)
O castelo de Canedo estaba ubicado no promontorio ubicado no centro do arco de Carnota coñecido na actualidade como Bico do Santo. Trátase de outra das fortificacións episcopais do século X e responde ao modelo de castelo roqueiro, cunha plataforma superior con entalladuras para as antigas murallas e varios elementos de fortificación na base e nos accesos do pico. Tamén houbo unha capela, destruída, segundo a tradición oral, durante unha batalla contra o exército francés.