Contexto natural

Torre dos Mouros está situada nun outeiro que delimita o extremo sul da praia de Carnota, a cal espállase para o norte até chegar ao Monte Pindo que actúa de límite no outro extremo. Áchase ao pé da poboación de Lira, comunicada por medio da estrada C-550 (K12). Á xacida acédese por unha pequena e estreita pista que sube para o monte.

O outeiro apreséntase como unha unidade de relevo individual. En orixe pertenceu ao bloco granítico que conforma a serra de Muros-Carnota. Porén, está separado deste por unha falla tectónica, que a nivel local toma a denominación de “Garganta Grande”, a cal prosigue para o norte, propiciando a formación da praia de Carnota, delimitando o lado Leste do Monte Pindo e, a seguir, criando a bacía do encoro do Xallas.

Por tanto, o outeiro de Torre dos Mouros correspóndese co abrupto rebordo montañoso, que delimita as pequenas chairas litorais de erosión mariña. A resistencia do granito ten impedido un maior desenvolvimento destas chairas de arrasamento para o interior. Outro factor relacionado é o carácter abrupto e a gran diferenza de cota en escasas distancias entre a costa e liña de cumes.

A debilidade provocada pola esa falla tectónica permitiu un avanzo erosivo, que deu lugar á criación do arco de Carnota, sobre o cal se foron depositando sedimentos procedentes da erosión dos montes circundantes na época terciaria. Da mesma maneira, a dureza do granito ficou tamén de manifesto en montes singulares: O Pindo ou o Monte Louro, que pese ao sistemático ataque mecánico destacan na paisaxe.

A xeomorfoloxía vai influír na conformación das paisaxes agrícolas:

- Nos montes, por mor das pronunciadas ladeiras e altura, os son solos pouco profundos tan só aptos para dedicación forestal (incluso restrita).
- Entre a costa e os montes, o acúmulo de sedimentos permite o desenvolvimento do solo e, por tanto, diversificar as practicas agrarias. Nesta área é onde se concentran as aldeas.