De que época é? Por que está aquí?

A Torre dos Mouros reúne condicións de gran interese científico. Desde a súa localización e visita, realizamos un amplo traballo documental con respecto ás fortificacións da Idade do Ferro e de época medieval da área do oeste da provincia da Coruña. Esa análise veu confirmar a excepcionalidade da Torre dos Mouros como xacemento arqueolóxico.

a) Dispón dun tamaño moi grande (dúas hectáreas) que duplica a media de tamaño dos castros da área e triplica a das fortificacións medievais (agás Pindo Central).
b) Non parece responder ao patrón de asentamento dun castro da segunda Idade do Ferro. O caso paradigmático é a existencia de dous poboados da época nas proximidades, que si responden aos patróns habituais. Tampouco a tecnoloxía e disposición das murallas son habituais na Idade do Ferro galega.
c) Tampouco responde ao perfil construtivo e defensivo dos castelos feudais da área, moito máis pequenos e de carácter «roqueiro».
d) A súa morfoloxía defensiva e as evidencias en superficie falan dun enorme esforzo construtivo que non se corresponde cunha gran densidade de estruturas habitacionais no interior.

A súa cronoloxía, xa que logo, é incerta.

Xa que logo, o interese científico da Torre dos Mouros é moi elevado pola súa atipicidade dentro do conxunto arqueolóxico desas áreas. Cremos observar coincidencias coa disposición construtiva da fortaleza do Pindo central e nas súas solucións defensivas (fortificar só as fallas, murallas cunha caixa de ancho similar), pero polo momento só é unha conxetura.

O proxecto, xa que logo, ten como obxectivos científicos na súa campaña 2012 os seguintes:

a) Documentar, topografíar e determinar a fortificación.
b) Determinar a cronoloxía posible e a estruturación interior da Torre dos Mouros.
c) Determinar a composición, técnica construtiva e calidade das murallas.
d) Documentar o imaxinario, a tradición oral, a microtoponimia e o rexistro documental histórico do xacemento.

Para realizar estas tarefas, o proxecto conta cun equipo de arqueólogos, técnicos e documentalistas de empresas como Malde Arqueoloxía ou Dehistoria e institucións como o Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC.